Tuesday 23 de April de 2024

Finaliza o programa “Mocidade Activa”


Os concellos de Fene, Mugardos e Neda remataron o venres pasado a edición deste ano do programa de lecer “Mocidade Activa”, que se desenvolveu desde mediados de xullo. Durante este último mes, as 22 rapazas e rapaces participantes viron novas maneiras saudables e creativas de aproveitar o tempo de lecer. De feito, o obxectivo das sesións foi propoñerlles alternativas de lecer nas que poidan realizarse plenamente e potenciar a súa personalidade lonxe de condutas adictivas. “Mocidade Activa” é un programa anual coordinado polos tres municipios que conta con axuda da Consellaría de Sanidade.

O proxecto levouse adiante con sesións diarias de dúas horas e media de duración dirixidas a mozos e mozas de entre 11 e 16 anos, unha banda de idade de grandes cambios na que cómpre prestarlle moita atención a como enche a cativería o seu tempo libre, máis que nada porque é no tránsito á puberdade e na adolescencia cando adoitan comezar condutas que poden derivar en adiccións, como por exemplo o consumo de drogas e alcol, as apostas e xogos en liña ou a dependencia da tecnoloxía e da internet.

“Mocidade Activa” busca, precisamente, mostrarlles alternativas máis enriquecedoras ás que dirixir a súa atención, queimar enerxías e, ao mesmo tempo, que lles axuden a potenciar as súas habilidades básicas e competencias, tamén aquelas denominadas “soft skills” ou habilidades persoais nas que entrarían a empatía, a comunicación, o saber relacionarse cos demais ou o crecemento persoal. De feito, segundo un estudo realizado en varios países da UE ao redor da mocidade, considérase que este tipo de habilidades son algo que se debe promover entre a xente nova, posto que, de cara ao futuro, seranlles tanto ou máis importantes que as competencias laborais ou adquiridas no ensino.

Neste sentido, o programa participado por Fene, Mugardos e Neda permitiulles ás mozas e mozos probar a artesanía electrónica, a pilotaxe de drons, o deseño e impresión 3D, a comunicación radiofónica, as posibilidades de youtube… e outras máis próximas ao xogo, como o fútbol burbulla ou o skate. Todas elas enfiadas co traballo en grupo e o reforzo da comunicación e outras habilidades persoais.

O último día de “Mocidade Activa”, a rapazada participante ofreceu unha mostra do seu potencial creativo -e de todo o aprendido- nun evento aberto ás familias que se celebrou en Fene o venres pasado.

O proxecto contou con apoio da Consellaría de Sanidade e estivo conducido por monitorado da empresa Espazo Vivo, baixo coordinación da pedagoga e técnica en prevención de adiccións do departamento municipal de Servizos Sociais.